Madrid non pasará pero a extrema dereita si se non a paramos entre todos

 


 

 Todo o mal que se fale do goberno de Madrid, todos os sapos e cobras que se boten contra a súa presidenta, todas as denuncias que se fagan das súas corruptelas e oposición ao seu radicalismo e ideoloxía violenta, benvidos sexas. Se seica contribúe á caída de Ayuso, tanto mellor.


Coido, sen embargo, que non todos os aldraxes que se lanzan contra Madrid  van dirixidos contra a extrema dereita. Hai quen se fixa moito en Madrid, emblema do centralismo español, e pouco no perigo que implica o ascenso do neofascismo para todos os pobos de España. Esta actitude resulta, ao noso xuízo, particularmente censurable no caso do nacionalismo galeguista. En primeiro lugar, porque se transmite a impresión de que aquí estamos a salvo das ideas extremistas que triunfan alá fóra, no ermos da Meseta e na corrupta Sodoma madrileña, disque grazas ao noso sentidiño, á nosa brisa mariñeira e á nosa identidade nacional. Deste xeito, mentres se mira a Madrid cunha mistura de desafección e desdén, menosprézase o perigo que temos en casa, sen necesidade que veñan os de fóra a estragar a nosa convivencia. Para rematala desfeita, promoven a división da causa popular na defensa da democracia, levándoa ao terreo da confrontación de sentimentos nacionais.

  
O certo é que cada vez que a presidenta madrileña se enche a boca de palabras ridiculamente superlativas como España ou Liberdade, os nacionalismos alternativos ao nacionalismo españolista de extrema dereita gañan puntos en lexitimidade e intención de voto. O nacionalismo radical e excluínte da presidenta madrileña outórgalles aos nacionalistas galeguistas argumentos para establecer unha liña de fractura entre  Madrid, España e o fascismo, por unha banda; e Galiza e eles, por outra. Terreo aboado para que crezan e se multipliquen.


A actual crise sanitaria depáranos analoxías desacougantes. En efecto, cando se declarou a pandemia de coronavirus e os mortos de Madrid amontoábanse nas pistas de xeo, confiábase en que o virus non nos golpearía a nós coa mesma virulencia que á gran cidade corrupta. Protexíanos, segundo os optimistas patrios, o noso modo de vida rural e sinxelo. Non houbo que esperar moito, por desgraza, para que enfermidade entrase nas nosas residencias de maiores —case todas negocios privados, como en Madrid— e nas nosas xuntanzas familiares, segando as vidas de moreas de persoas. Co virus da extrema dereita pode acaecer o mesmo. Primeiro sucumbiu Madrid, cuxa relevancia demográfica, económica e política convérteno nunha presa cobizada non soamente pola oligarquía local ou nacional, senón polo capitalismo internacional. Despois virán por nós.

 

Porque a extrema dereita, desafortunadamente, non son os Outros, un pobo ou nación alleos. Éche a rapina dos poderosos, a iniquidade, a segregación na escola, a demolición da sanidade pública, o imperio das mafias, o machismo, o racismo... o capitalismo salvaxe. Non son plantas exóticas, non, de países afastados.

Comentarios